Esperanza…

Ben, é tempo de ir espertando…

Foi o 2016 un ano de silencio pola miña parte, tempo de moito, moitísimo traballo na sombra. Con todo, as nosas criaturas seguiron a facer mundo pola súa conta e, fronte aos avances logrados por as outras dúas, eu quedo especialmente orgulloso do andar desa pequena gamberrada que foi a “Morena, perigosa e románica”. Que unha comedia se manteña durante case medio ano desde a súa publicación nos postos máis altos das listas de vendas supón unha marca coa que ilusionarse, un trazo de que, talvez, esteamos por fin deixando algún que outro prexuizo atrás… Grazas a todos os que, coma sempre, o fixestes posible, tanto en Galiza como no resto do mundo.

Con todo, e como digo, é tempo de ir espertando. De volver saír á luz. Adeus ás gamberradas, ola aos novos proxectos: malia o silencio da distancia, o certo é que levo moito tempo traballando moi moi duro nun novo proxecto. Así, e polo pronto, aínda nada máis vos podo dicir que o 2017 verá a saída non dun novo libro… senón de tres. En efecto, tres serán os títulos que vaian saíndo á luz a partir de abril (algún deles mesmo “en B”), e todos vinculados a un mesmo proxecto, dentro dun traballo ao que levo totalmente entregado estes últimos anos, e que agora, por fin, comeza a amosar o seu remate. Espero, de todo corazón, que todo este esforzo sexa do voso maior agrado. E que, sobre todo, vos faga sorrir.
Entre tanto, e mentres non chega o primeiro, deséxovos a maior das felicidades neste 2017 que entra. Que teñades o máis ventureiro dos tempos, e que todo vos sexa própsero. Moitas felicidades a todos!

Premio Frei Martín Sarmiento

Aquí vos deixo o enlace á última (que non derradeira…) alegría recibida para Os fillos do mar, a concesión do Premio Frei Martín Sarmiento, na súa modalidade de “Mellor obra para alumnos de bacharelato e público adulto”.

Unha moi boa nova, xa que o resultado da votación vincula por unha banda aos rapaces e aos lectores máis alá do ensino medio. Todo premio entregado polos lectores é sempre unha alegría grande. Se ademais boa parte deses lectores sonvos xente nova, a alegría multiplícase, porque ese recoñedcemento de hoxe vén preñado de esperanzas, de intencións futuras… Se o futuro vai vir por algures, desde logo está claro que será da man da xente nova. E iso non é outra cousa senón unha ilusión moi grande…

Grazas, moitas grazas, a todos os alumnos e pais de alumnos que votastes por regalarlle unha nova alegría a esta novela que xa é de tod@s!

Nas VII Xornadas dos Clubs de Lectura

Mañá venres terei a sorte de estar en Compostela, dando a conferencia de peche ás “VII Xornadas dos Clubs de Lectura”, organizadas pola BEGA, rede de Bibliotecas Escolares de Galicia.

O título da conferncia será “A soas cos lectores, esa pequena maioría…”, e, coñecéndome, xa imaxinaredes por onde van os tiros: darémoslle un par de voltas (e máis se for necesario) á idea do absolutamente importante que é recuperar o contacto coa comunidade lectora, con esas decenas e decenas de milleiros de lectores que seguen aí, agardando por que nos recordemos a súa existenza…

Aquí vos deixo a ligazón á páxina das xornadas, onde poderedes consultar toda a información ao respecto. Oxalá todo isto sirva para seguir construíndo encontro!