Sobre unha Memoria de Manuel de la Fuente

Esta noite, quince anos atrás, finaba en Vigo Manuel de la Fuente. Home de natureza inqueda, a súa pluma converteuno nun dos xornalistas imprescindibles para comprender a memoria desta cidade. Por suposto, a súa actividade non quedou aí: foi escritor, investigador, biógrafo, tamén poeta e, por riba de todo, devoto namorado de Vigo, a cidade que o acolleu como un fillo máis desde 1951 ata o seu pasamento, en maio de 2002.

Do más de medio século que viviu nesta cidade, non foron poucos os anos que De la Fuente lle entregou ao estudo da súa historia (non en balde, el sería un dos membros fundadores do Instituto de Estudos Vigueses, alá polo ano 1991), prestándolle unha especial atención a aqueles espazos da súa memoria daquela aínda non ben coñecidos polos seus cronistas nin, sobre todo, polos seus veciños. Estudoso infatigable, investigador sagaz, a Manuel de la Fuente se lle debe o mérito de ter contribuído a acender non poucas luces da nosa historia recente, xa non só da crónica viguesa senón, en boa medida, mesmo da galega.

A el, ao seu tesón infatigable e mais á súa ansia de atopar sempre esa verdade única agochada baixo os erros mil veces repetidos, lles debemos a apertura de non poucos camiños, andares que nos levarían a esclarecer episodios senlleiros da nosa memoria esquecida. Así, é a súa man a que asina a primeira biografía documentada da Bella Otero; o seu pulo investigador é o que está detrás dos primeiros pasos que levan ao esclarecemento dos moitos misterios que rodean a vida e o traballo do esvaradío arquitecto Michel Pacewicz, absolutamente indispensable para comprender a arquitectura e, por ende, a historia do Vigo que se asoma ao século XX; é De la Fuente quen explica con detalle non só a fundación do xornal “Galicia”, peza clave do arraigue do pensamento nacionalista en Vigo nos anos vinte do século pasado, senón mesmo quen chega a documentar os verdadeiros motivos agochados tras a súa apertura, ben menos ideolóxicos e máis prosaicos; é el quen sitúa a Mata Hari no Hotel Continental en 1916 e, sobre todo, quen identifica con claridade o seu contacto na cidade, o ata daquela pouco coñecido señor Marcial Cazaux; é De la Fuente quen documenta e recupera a biografía galega do pintor Ángel Botello e, canda a súa, a memoria de tantos e tantos outros personaxes, talvez menores, pero imprescindibles para comprender a historia desta cidade…

Pequenas memorias que, coma nos dunha mesma rede, tecen a historia recente desta cidade, as máis delas foron publicadas no seu momento naquelas famosas “Postais”. No seu tempo unha das columnas máis lidas na cidade, a serie comezou a súa andaina nas páxinas do xornal Faro de Vigo en xaneiro de 1987, desde onde Manuel de la Fuente foi publicando diariamente os resultados das súas investigacións. Lamentablemente, e malia o enorme éxito acadado, a serie non duraría máis que dez anos, xa que cando De la Fuente se xubilou, en maio de 1997, e levado por motivos persoais que agora non veñen ao caso, o xornalista tomou a decisión de deixar por completo a prensa escrita.

E así o colleu a morte. Foi tan só cinco anos despois, en maio de 2002, por completo afastado da vida pública e, lamentablemente, sen ver recoñecido o inmenso valor do traballo que De la Fuente fixera pola recuperación dunha parte incalculable da memoria desta cidade á que tanto amou.

Hoxe, os quince anos cumpridos do seu pasamento supoñen un tempo máis que suficiente, unha cantidade que fala da inmensa débeda, da gran conta pendente que temos coa memoria de Manuel de la Fuente. Talvez unha antoloxía daquelas súas “Postais” sería unha fermosa maneira de cubrir aquel baleiro, débeda pendente xa non tanto coa memoria de Manuel de la Fuente, senón en realidade coa da mesma cidade, aquela que tamén foi a daquel home baixiño, peculiar, xornalista dos de antes, apaixonado, un vigués de León que, entre outras peculiaridades, tamén tivo a de ser o meu avó.