Esperanza…

Ben, é tempo de ir espertando…

Foi o 2016 un ano de silencio pola miña parte, tempo de moito, moitísimo traballo na sombra. Con todo, as nosas criaturas seguiron a facer mundo pola súa conta e, fronte aos avances logrados por as outras dúas, eu quedo especialmente orgulloso do andar desa pequena gamberrada que foi a “Morena, perigosa e románica”. Que unha comedia se manteña durante case medio ano desde a súa publicación nos postos máis altos das listas de vendas supón unha marca coa que ilusionarse, un trazo de que, talvez, esteamos por fin deixando algún que outro prexuizo atrás… Grazas a todos os que, coma sempre, o fixestes posible, tanto en Galiza como no resto do mundo.

Con todo, e como digo, é tempo de ir espertando. De volver saír á luz. Adeus ás gamberradas, ola aos novos proxectos: malia o silencio da distancia, o certo é que levo moito tempo traballando moi moi duro nun novo proxecto. Así, e polo pronto, aínda nada máis vos podo dicir que o 2017 verá a saída non dun novo libro… senón de tres. En efecto, tres serán os títulos que vaian saíndo á luz a partir de abril (algún deles mesmo “en B”), e todos vinculados a un mesmo proxecto, dentro dun traballo ao que levo totalmente entregado estes últimos anos, e que agora, por fin, comeza a amosar o seu remate. Espero, de todo corazón, que todo este esforzo sexa do voso maior agrado. E que, sobre todo, vos faga sorrir.
Entre tanto, e mentres non chega o primeiro, deséxovos a maior das felicidades neste 2017 que entra. Que teñades o máis ventureiro dos tempos, e que todo vos sexa própsero. Moitas felicidades a todos!