Non me interesa iso do Día das Letras Galegas

dia-muertos-mexico6--644x362

Empeñámonos en vivir coa ollada posta no pasado. Disque é moi cómodo, porque así sempre teremos a man unha boa escusa para queixarnos polo mal que van as cousas. E do presente nada máis queremos cheirar o xusto para saber a quen botarlle as culpas de todo. Se algo vai mal é culpa deste, que vai de listo, ou destoutra, que o ten moi crido… E así nos vai, deixando correr o tempo e as oportunidades un día tras outro, un ano tras outro, de maneira que, para cando chegue, o futuro seguirá sendo pasado para nós, unha morea insufrible de resentimentos pendentes, de contas a medio axustar e, con sorte, algún morto que celebrar (que non todo vai ser sacar os coitelos a pasear polos mesmos ríos de sangue, pola mesma esterqueira de sempre). En realidade tampouco penso que a miña opinión valla tan sequera nin o medio megabyte que a soporta nin moito menos que lle importe un carallo a ninguén (á fin e ao cabo, quen merda son eu para opinar sobre estas historias?), pero, por se alguén lle pregunta á miña nai como é que hoxe o seu fillo non sae no xornal, permitídeme polo menos que a boa da muller saiba porqué.

Eu sempre crin que iso dos ben nacidos agradecidos era certo. Por descontado, dou por sentado que a xente boa fai cousas boas sen agardar nada a cambio. Vale. Pero tampouco vou descubrir aquí a pólvora se digo que todo fillo de veciño agradece recibir un agarimo de cando en vez. A todo o mundo lle sube un ou dous graos a temperatura da alma cando lle din “estamos moi orgullos de ti”. Devolver polo menos parte dese agarimo que alguén unha vez nos deu é cousa boa. Facerlle saber a esa outra persoa que ao outro lado do seu esforzo hai alguén, alguén que escoita, le, goza e comparte o seu traballo. Alguén que recoñece a súa dedicación, que se identifica co seu discurso e, sobre todo, que agradece o seu sacrificio. E non sei como o verá o resto da xente, pero a min dáme no nariz que ese diálogo é moito mellor telo cando as dúas partes involucradas no proceso de comunicación están vivas. Porque, como todo o mundo sabe, falar cos mortos está moi ben nada máis se o que che gusta é ter sempre a última palabra… E a pesar de que aínda non teño probas irrefutables disto, eu apostaría a que a un defunto todas as homenaxes do mundo impórtanlle un carallo. A boas horas, mangas verdes… E ollo, que con isto non estou dicindo que vivamos de costas á nosa memoria, á nosa tradición literaria neste caso, que é moita e moi rica. O que eu estou dicindo é que, se de días de festa vai a cousa, non sería mellor festexar con alguén a quen lle poidamos dar unha aperta, un bico, un apretón de mans?

Polo de agora o que máis nos gusta facer cos vivos é putealos, andar coma sempre a sopapos uns cos outros. E xa diremos que Suso de Toro era un autor fantástico que cada vez que facía pis lle saía poesía polo pito cando estea morto e leve dez anos criando malvas. Manuel María ten todo o meu respecto. Por descontado. Pero se todos temos claro que Suso terá o seu Día das Letras, que Manolo Rivas terá o seu Día das Letras, que Ferrín, que Queizán, que Xabier P. Docampo, que Fina Casalderrey, e que ata Gudelj, Mostovoi, Fran, Bebeto, o Xabarín e Santiago Pemán terán no seu momento un Día das Letras Galegas, por que carallo non o celebramos xa? Agora, cando aínda estamos todos aquí, cando aínda lles podemos dar unha aperta e eles a nós, cando aínda podemos vivilo e festexalo xuntos… Cando aínda lles podemos dicir “Moitas grazas” e eles nos poden responder “Moitas de nadas”.

Eu quero un Día das Letras Galegas para Agustín Fernández Paz. Quéroo, pídoo, reclámoo, esíxoo. Pero o quero xa, hoxe, agora que lle podo dar unha aperta e dicirlle “Moitas grazas por tanto, profesor”. O resto non me interesa. Eu alégrome de que no meu país existisen poetas que por el tanto fixeron como Manuel María. Pero mentres a das Letras Galegas siga sendo a festa dos mortos, eu non quero participar nela. Non quero esas gaitas, non quero esas danzas. Espertádeme cando o Días das Letras Galegas deixe de ser un baile de mortos. Ou cando llelo adiquen aos guionistas de Gym Toni, que disque en Galiza sonche unha referencia literaria de moito carallo… Ata entón, a outro con esa murga.

3 reflexións sobre “Non me interesa iso do Día das Letras Galegas

  1. “… quedan suprimidas todas as homenaxes post mortem, porque as cousas ou se fan a tempo ou non se fan”. Epitafio de Xosé Ramón Fernández-Oxea

Os comentarios están pechados.