Dúas palabras sobre o Sant Jordi…

Barcelona (Barcelonès)  23/04/2013    Sociedad       Diada de Sant Jordi      Paradas de rosas y libros en La Rambla    Foto   DANNY CAMINAL

Barcelona (Barcelonès) 23/04/2013 Sociedad Diada de Sant Jordi Paradas de rosas y libros en La Rambla Foto DANNY CAMINAL

Hai un par de días atopeime a min mesmo perdendo o tempo cun texto no que, entre outras moitas groserías e faltas de respecto, se deixaba caer un deses comentarios feitos a mala ententa no que, así como quen non quere a cousa, se desprezaba dun plumazo o Sant Jordi, a festa do libro que estamos a piques de vivir. Segundo o texto en cuestión, o Sant Jordi non é máis que unha festa inventada polos cataláns “que consiste en comprar obrigatoriamente un libro”. Como dixo Einstein, Hai dúas cousas infinitas: o universo, e a estupidez. E do universo non estou seguro… Para os que teñades verdadeiro interese en saber, deixade que vos comente un par de detalles…

O Sant Jordi (23 de abril, Día Mundial do Libro) é o día máis importante para o mundo do libro en España. Para que vos fagades unha idea da súa relevancia, o ano pasado saíu á rúa só en Barcelona máis dun millón e medio de persoas. E aínda que en realidade non haxa nada de “obrigatorio”, que aquí a ninguén se lle esixe mercar nada (que o Diaño Catalán é moi malo e cheira a xofre, si, pero non lle pon a pistola a ninguén para que faga gasto se non quere), curiosamente a xente si decide mercar libros. E tanto que o fai! Segundo os datos ofrecidos pola Conselleria de Cultura, en colaboración co Gremio de Libreros e o Gremio de Editores de Cataluña, no pasado Sant Jordi os libreiros declararon unhas vendas superiores aos 20.000.000 de euros (por se hai algún animaliño entre o público, un 2 seguido de tantos ceros veñen sendo uns vinte millóns de euros, facturados nun só día!), repartidos entre máis de 1.600.000 exemplares. Que veña aquí un só libreiro galego a dicirme o que non daría por poder anotar eses mesmos números nos seus libros de contas, aínda que nada máis fose por un mes…

Desa barbaridade de exemplares vendidos, nada máis o 7,26 % representaba a lista dos dez autores máis vendidos, ou, o que é o mesmo: o 92,74 % restante se repartiu entre outros 50.000 autores, o que fai do Sant Jordi un día moi querido por máis de 50.000 creadores diferentes. Que veña aquí un só autor galego a dicirme o que non daría por poder traballar nun espazo semellante no noso país, aínda que nada máis for por unha vez…

Ademais, non deixedes por favor que ninguén vos engane: digan o que digan por aí fóra, aquí hai sitio para todos. Por iso, e no tocante ao asunto das linguas, as vendas repartíronse entre un 54% de títulos en catalán, e un 46% en castelán. Maldita sexa, que veña aquí un só editor de libros en galego a dicirme o que non daría por chegar a esas marxes, aínda que nada máis for por un terzo do mercado galego…

E, por se todo isto non vos parece suficiente, o día de Sant Jordi non é festivo. Que igual vos semella unha estupidez, pero non o é, nin moito menos. Porque, sendo como é unha xornada laborable, a xente, que ben podía estar ata o carallo do mundo e non desexar outra cousa que volver o máis rapidamente posible ao sofá logo de aguantar ao xefe, sempre saca tempo para baixar á rúa e mercar un libro. E unha flor. Porque saben que iso é seu, que os define, que os identifica no mundo. E están orgullosos de que así sexa. E aquí son eu o que ven a dicirvos o que non daría por poder escribir nun país que se sentise tan orgulloso de si mesmo que estivese disposto a ter un libro por bandeira. E unha flor.

Por iso, para calquera escritor, para calquera que se adique en serio a isto, con paixón e con corazón, é non só un orgullo, senón unha alegría enorme, en realidade, formar parte desta festa. Eu levo anos asistindo como espectador. E si, este ano tamén estarei como escritor, ao outro lado do espello. E ben orgulloso que estou.

Á fin e ao cabo, a culpa é miña, por perder o tempo lendo este tipo de barbaridades. “Mercar obrigatoriamente”… Xa hai que ser zoquete!