O dereito a tomarnos por imbéciles

As marquesiñas de Peitieiros

Agora que reflexiono sobre o tema, decátome de que ben podería ser cousa de pantasmas. Outro deses “poltergeists”, que hoxe volven estar de moda. Pero non… Isto é outro tipo de fenómeno, non menos digno dunha análise detallada por parte do doutor Jiménez del Oso: as campañas electorais e as súas barbaridades. Unha cousa, como o mundo en xeral, ben curiosa.

De súpeto, logo de catro anos sen ocorrer absolutamente nada, dun mes a esta parte a vila onde vivo empezou a sufrir unha serie de cambios, polo pouco curiosos. Así, e por exemplo, todos os pasos de peóns apareceron de golpe e porrazo repintados, e aí temos as rúas, que parecen todas noviñas do trinque. Como por arte de maxia desapareceron tamén todas as fochancas que había, e xa poden respirar tranquilos os amortiguadores dos coches, que xa non corre risco a nosa saúde cervical cada vez que pasamos por elas. Incluso, logo de catro anos pillando unha molladura detrás doutra, xusto agora van e póñennos marquesiñas nas paradas do autobús. A ver, tampouco vaiades botar foguetes: son tan pequenas que, se entras ti, a túa sombra ten que quedar fóra. Mirade como será a cousa que, se na parada coinciden dúas persoas máis de cinco minutos… temos voda segura! E non pensedes, que o asunto non acaba aí: agora, tamén de repente, temos carril-bici por todas partes, e, tamén “casualmente”, mesmo lles puxeron, por fin, unha beirarrúa con barandilla aos rapaces no camiño ao instituto. Vese que un ciclista atropelado ou un mozo despeñándose barranco abaixo ao saír do instituto son unha traxedia. Para a re-elección, quero dicir…

Mirade, de todos é sabido que eu non son unha persoa especialmente activa na res política. Non, para min a iso da política converteuse nun enorme desencanto. Asistín con tristura ao desmembramento dun nacionalismo incapaz de dialogar entre si, de superar os puntos de desencontro. Das dereitas non me interesa absolutamente nada, e os únicos centros que merecen toda a miña admiración son os que Dani Alves colga na área para que Messi meta gol. Por iso, xa hai ben tempo que non teño máis convicción política que o Marxismo. En concreto pola banda de Groucho, para servos exacto. Si, para min a política converteuse nun monstro atroz, unha besta deshumanizada ante a que, de entrada, o primeiro que fago é desconfiar. E, malia todo, non creo que por iso haxa que me considerar imbécil, non? (Igual por outras moitas cousas si, pero por esa, precisamente, non).

Digo isto porque, pola contra, a grande maioría dos aspirantes a “Miss e Míster Electo 2015” si pensan que o sexa… Imbécil, quero dicir. Para case todos eles, nós, o electorado, debemos de ser algo así como unha antoloxía da imbecilidade de tomo e lomo… Como senón se podería entender que fagan e digan as cousas que ao longo de todo este tempo de campaña e pre-campaña viñeron facendo e dicindo? Paradas de autobús que parecen do Ikea, carrís-bici ata por riba dos portais, os xeriátricos que, de tanto entrar e saír traxes de Emidio Tucci deles, parecen un Corte Inglés en día de rebaixas… Carallo, pero se ata puxeron un dinosauro nunha rotonda! Que non chegaba con poñer barcos, que agora tamén imos en plan Parque Jurásico? Que será o seguinte, resucitar a Karina Falagan para as autonómicas?!

Supoño que, no fondo, a única verdade de todo isto é que, nalgún lugar, nalgún despacho, no recanto máis podre dalgunha cabeza escura, alguén debeu de pensar que eses eran os prezos da palabra. “Poñamos paradas, pasos de peóns, dinosauros en rotondas, que así poderemos dicir o que nos dea a gana. Ese é o prezo, o custe do dereito a tomalos por imbéciles.” Á fin e ao cabo, quen de nós ía reparar nas burradas que se dixesen, deslumbrados como estabamos pensando que carallo pinta un diplodoco na rúa Rosalía de Castro?

E así é como, case sen darnos conta, como aquel que escoita voces, todos empezamos a escoitar burradas… Podería citar moitas, pero gustaríame quedarme coa máis grande de todas: “A crise xa pasou!” Carallo, como lles gusta dicir este tipo de animaladas… A xente segue perdendo os empregos e os fogares. A Sanidade e a Educación recurtadísimas. Dereitos perdidos, atrasos nas liberdades… E temos que escoitar que xa pasou a crise? Ou sexa, que “a recuperación”… era isto?! Non, eu creo que non. Porque, de ser certo… como é que ninguén dos que ao longo da campaña falaron do fin da crise non dixeron nada en ningún momento de botar atrás aquela Reforma Laboral tan salvaxe que, tal como Rajoy dixo en 2012, “hemos tenido que afrontar por culpa de la crisis”. Home, se xa pasou a crise, como é que non recuperamos a dignidade no traballo? Son eses os argumentos cos que debería convencerme de darche o meu voto? Mmm…

E iso por quedar cunha, talvez a maior das falacias que puiden escoitar ao longo desta campaña. Como antes vos dixen, podería poñer moitos máis exemplos, si. Pero teño unha razón de peso para non facelo: como teño medo de que as volvan retirar unha vez pasadas as elecciones, estou escribindo isto dentro dunha desas paradas de autobús que nos puxeron. E claro: aquí dentro non caben reflexións moito máis grandes…