Para min iso das Letras Galegas é outra cousa…

20150516_160943

Estaba pensando en adicarlle unha entrada no blog ao circo deste ano. Xa sabedes, todo o despropósito este do Día das Letras Galegas… Dáballe voltas ao xeito de poñer en evidencia o meu desacordo coa escolla de Filgueira Valverde como autor homenaxeado, a como abordar o asunto da vergoña que me produce a contemplación da lamentable teimosía coa que a Real Academia Galega se esforza en obrigarnos a tragar o seu discurso tal como se aquí non pasase nada. Agora, segundo vén de dicir o seu presidente, Filgueira non é que fose un franquista convencido. Non, que va… nin moito menos. O que pasaba con el, tal como o mestre Solano o explica, era máis como o de Anacleto, o axente secreto: “Filgueira traballou desde dentro do Réxime erosionando a ditadura de Franco.” Claro que si. E Carmen Polo era unha axente comunista coa misión de acabar co caudillo a base de polvos… Chst, moito ollo con facer chiste ningún con isto, porque xusto a renglón seguido Alonso Montero valida as súas propias declaracións afirmando que quen tal cousa di (ou sexa, el mesmo) é “republicano, marxista e ateo.” Agora o entendo todo: alguén que regala este tipo de titulares nada máis pode ser marxista. En concreto, do sector Grouchista…

Ando anoxado, porque agora resulta que non é verdade iso de que Filgueira tivese a vida de Alexandre Bóveda nas mans. “A ver, igual un pouquiño franquista si que era”, recoñece o mestre Solano, “pero tamén Cunqueiro, Celso Emilio, Cabanillas ou ata o mesmo Otero Pedrayo asinaron declaracións de adhesión ao Réxime, e a ninguén lle pareceu mal!” Aí a tedes, toda unha institución como a RAG practicando a política do “¡Y tú más!”. Si señor, iso son argumentos, y mis razones son claveles… E por se iso non fose bastante, como en todos os circos no noso tamén crecen os ananos, e nos últimos días tivo a Academia que ampliar a súa capacidade para o despropósito, tentando desmentir as evidencias que confirman que Filgueira, ademais de todo o anterior, tamén foi un cobarde que pretendeu emplumarlle a Noriega Varela a autoría dos seus poemas filo-franquistas. Home, xa me diredes se é para andar contento…

E non vaiades pensar o contario: eu si estou convencido de que as Letras Galegas ben merecen unha festa, por suposto que si. A dun día e a de mil primaveras. As Letras Galegas merecen unha festa. Pero non esta. Non a de Filgueira Valverde, pero tampouco a de ningún morto. De ser así, ben estivo o de Lois Pereiro, como tamén o de Vidal Bolaño. Pero cando se deu a posibilidade de homenaxear a Xela Arias e escollemos a Filgueira, é que hai algo que xa fede a podre… Son máis da opinión de que xa van cadáveres abondo. Basta xa, queden os mortos para aquel verán, e as Letras para os vivos. É que non podo entender que cando as nosas Letras están máis vivas que nunca a súa sexa a festa dos mortos. Seguía dándolle voltas a como compartir con vós a idea de que a das Letras debería ser unha festa de vida, de todo o que temos e mais do que está por vir cando, por fin, o vin claro. A resposta estaba xusto diante miña.

Por máis que a moitos non lles agrade, por máis que oubeen os Cerveros da nosa cultura, por máis que nos berren, nós, os parias do sistema, tamén somos Letras Galegas. Nós, os malos escritores, os xunta-letras sen talento, os mamarrachos, os lectores sen criterio literario, a masa boba, o público tan numeroso como desprezable, os que non sabemos aprezar unha sinécdoque se non é buscando “sinécdoque” no dicionario, a chusma, a puta plebe, vamos, tamén somos Letras Galegas. E como ente vivo que somos sabemos detectar a vida. Sabemos que as Letras están vivas, e como tal se comportan. Cambian, crecen, actúan e interactúan, evolucionan, compleméntanse e, mesmo ás veces, tamén fan como María, que dan “un pasito p’alante, y un pasito p’atrás.”

Así que xa non vou falar, pois, desas letras galegas dos mortos. Non, non merecen que lle dediquemos nin unha sóa letra máis. Non o merecen nin a vileza de adicarlle un día coma este a unha figura tan escura como a de Filgueira, nin a RAG, obstinada en seguir a facer o ridículo, tentando poñer en valor algo que, o mires como o mires, non ten por onde collelo. Non, eu prefiro dedicarlle toda a tinta que sexa precisa para falar de vida, de encontros, de xente que vive, come, fala, dialoga e, sobre todo, ri. Porque se algo bo teñen estas letras de hoxe é que nos poñen aos que formamos parte delas, por moi malos que digan que somos, no camiño de máis xente coma nós. Así é como imos avanzando, tecendo xeración tras xeración unha rede de persoas, de mulleres e homes, todos a traballar cada un coas súas posibilidades para que o mito ese tan manido das mil primaveras máis para o galego sexa menos mito e máis realidade. Porque o importante das Letras son as persoas. E se están vivas mellor que mellor… (Probade senón a convencer a un morto de que vaia dar unha charla a un instituto…).

O que importa son as persoas que as Letras van poñendo no teu camiño. Algunhas boas, outras mellores. Algunhas tamén ruíns, malas coma a quina. Pero outras, as máis delas, boas e xenerosas. E ollo con estas últimas, porque como te despistes corres o risco de velas convertérense en amigos teus. Como hoxe, como aquí, na nosa casa: dáballe voltas a todo isto do que antes vos falaba cando de súpeto me decatei de que a verdade xa levaba un tempo acomodada á nosa mesa. Hoxe veu comer con nós o noso bo amigo Pedro Iturburua, e mentres os tres (Marta, Pedro e mais eu) riamos a conta dalgunha burrada que ben puido ter dito calquera de nós, eu caín na conta de que alí estabamos os tres: como se dun chiste se tratar, van una catalana, un vasco y un gallego, y… Ou talvez non fose ningún chiste, senón unha pequena Galeusca, o caso é que aquí estamos os tres: eu, a miña parella, e un amigo da familia. Un amigo que, de non ser por ese camiño feito de letras e corazón, probablemente nunca tería chegado ás nosas vidas. Ese, ese é para min o verdadeiro valor das Letras Galegas ás que nós pertencemos. O resto, ruido de cans…

4 reflexións sobre “Para min iso das Letras Galegas é outra cousa…

  1. Que palabras máis acertadas Pedro, grazas por compartilas e sobre todo grazas a tí e outras mulleres e homes que fan posible que a primavera do galego siga estando viva. Coas vosas creacións disfrutamos, soñamos , vivimos e compartimos algo noso, poderoso: a nosa lingua. Grazas.

    • Grazas a ti, Silvia. Como digo aí arriba, ti tamén es parte activa en todo isto, e como tal a túa voz tamén ten que ser escoitada, que ten tanto valor coma a miña… ou máis: de que serve un escritor se ao outro lado non hai un lector? Grazas!

  2. GLUPS ( segunda parte)
    Non sei se escribir ou estar calado (sempre mellor) pero como teño o don da inoportunidade, alá vou. Grazas por emocionar, por saber expresar tan acertadamente unha idea moi sabia ( non debes ser tan mal xuntaletras) e fundamentalmente, polo persoal que dis nel. Ah!, e… a sinecdoque tamén é causa de cambio semántico.

Os comentarios están pechados.