Para cantar como Ses canta…

10384617_934914943196247_8305615005085861206_n

Unha das miñas teimas, esas polas que tanto se loita ao longo do tempo (e, por que non dicilo tamén, polas que máis paus me teñen caído), é a de traballar pola normalización do noso espazo cultural. Pola normalización das nosas letras, da nosa cultura, de todo o que, boamente, estea na miña man. Traballar pola normalización deste país tan (e perdóeme vostede, señora) curiosamente “anormal”.

Sempre dixen que, se en verdade a nosa fose unha cultura verdadeiramente forte (ou, cando menos, tan forte como tanto nos gusta fachendear) non debería chamarnos tanto a atención a aparición de certos formatos aos que o canon imperante rapidamente tilda de “fenómenos estraños”, alleos ao noso sistema. Ou sexa, que a aparición dun best-seller dentro da literatura galega e o avistamento dunha nave cargada de marcianos polo monte Galiñeiro virían sendo a mesma cousa. A resposta da nosa “intelligentsia” a este tipo de cuestións sempre é a mesma: nós non necesitamos deste tipo de historias porque aquí, no noso mundo máis aló do ben e do mal, xa temos os nosos propios formatos, puros e incorruptibles. Vamos, que a poesía galega vén sendo algo así coma o brazo de santa Teresa de Xesús… Pero eu non podo velo como eles. Non podo, non me colle no peito. Fronte a iso, eu prefiro aplaudir a chegada de cada unha desas novas propostas, cada nova voz que non me fala unha e outra vez do mesmo, a mesma mensaxe, o mesmo discurso de sempre, a mesma forma de sempre. Por iso gusto tanto do que está a facer Ses.

Veu a semana pasada a presentar “Tronzar os valos”, o seu novo disco, aquí, a Vigo. Estivo Ses cantando no teatro da cajadeahorros-caixanova-novagalicia-abanc… ¡no García Barbón! Lamentei moito non poder asistir, se ben eu conto coa sorte de tela visto en moitas outras ocasións, igual non tan sonadas, pero non por elo menos importantes. Non, nin moito menos. A última vez que a puiden ver foi asexando por unha raiola clandestina, cantándolle aos rapaces nun instituto da cidade. E gustoume moito o que vin: Ses fálalles aos rapaces con claridade. Trátaos de ti a ti, con respecto, pero de ti a ti. Como a xente que son, e non como se polo mero feito de seren rapaces fosen imbéciles. E faino empregando o seu mesmo código. Fálalles de hip hop, de como moitos cantantes perden a vida nada máis que polo mero feito de seren cantantes. E fálalles de Víctor Jara, e das mans de Víctor Jara. E de homes e mulleres, e do que aínda hoxe implica ser home ou ser muller… E faino, sobre todo, con normalidade. Do mesmo xeito que canta. Esa maneira de facer, valente, decidida, afouta. Dese xeito, ese preciso xeito, tan e tan necesario neste país…

E ollo, que digo valente, pero non se trata de que Ses sexa “brava”, e quede aí o conto, sen máis. Non, as cousas xa non son como antes, que todo o que se facía aquí ou era folc ou era “bravú”. Non, non é iso. Ses é brava, si, pero tamén é tenra, que non se poden cravar verdades coma coitelos con tanta dozura como ela o fai en “Tronzar os valos”, a canción que lle dá título ao disco. E é atroz, e fera, máis tamén é delicada como quimera. E canta coa boca ben chea e o corazón aberto en canal, maldita sexa. E é contundente como a mesmísima Credence Clearwater Revival ensaiando nas Encrobas, como un zarpazo de rocanrol en todos os fociños, coma un sorriso franco en plena mañá. E é directa, e é pura como boa mestiza, feita de country, de blues, de alalá e de tumbao. Ses é Rosalía, e é Jara, e Fuxan os ventos, e é a fodida Janis Joplin berrando en galego a peito partido.

Todo iso é Ses, un pouco de todo de canto andamos tan necesitados neste país falto de normalidade. Un país onde os rapaces pensan que o que mola é falar en inglés (aínda que logo che pregunten como se di “hot dog” en inglés…). O mesmo país no que en cada volta tes que escoitar como un pai protesta, porque a ver para que carallo vai servirlle ao seu rapaz o galego cando estea emigrado en Alemania (e non sería mellor, digo eu, cuestionarse por que ten que emigrar o fillo?). O mesmo onde tes que explicarlle a unha nai por que segue a ser bo para o seu rapaz ter unha lingua, unha cultura de seu. Si, necesitamos a Ses porque ela representa algo grande. Algo que se parece moito, moito, ao país que leva no peito. Obviamente.