Esperanza

2014-12-29 13.47.19

Achégase o momento de ir pechando a fiestra ao ano que xa marcha, e botar contas, lembrar o que alá foi e, con sorte, sorrir. Ou chorar se for preciso, que de todo hai para todos. No meu caso, creo que vou deixar as bágoas para outro momento, un non que non me vexa ninguén (xa sabedes, “los chicos no lloran”), e quedar cos sorrisos, que foi para eles un ano ben farturento.

Porque si, que aínda que o 2014 non fose ano de publicacións, o certo é que si foi bo e de fartura en moitos outros aspectos…

Os fillos do mar (xa sabedes, ese animal xa con vida propia…) seguiu adiante coa súa particular colleita de alegrías varias, con tres edicións máis ao longo do ano (e xa van sete!), aumentando os milleiros de lectores, e traendo para casa máis premios. Moitas grazas a todos os que destes o voso voto para que o San Clemente e mais o Frei Martín Sarmiento queden tan bonitos na nosa biblioteca!

O seu irmán castelán, Los hijos del mar, tamén tivo ben boa travesía, e os lectores en castelán seguistes recomendándoo de boca en boca (ese regalo tan grande que vós sabedes facer), malia a errática política comercial do grupo… (Unha das cousas curiosas de estar en Planeta é que un día podes ter de compañeiro de editorial a Shakespeare, Cervantes, ou mesmo a puñetera Enciclopedia Espasa, e ao día seguinte cambialos por Belén Esteban, Risto Mejide -ou como merda se escriba-, Mario Vaquerizo, El Langui e outros grandes referentes da literatura universal… Delirante!). Malia todo, vós seguides a facer posible a travesía de Los hijos, e iso vale un mundo.

Pouco a pouco, A memoria da choiva tamén foi abríndose camiño. Outra edición grande máis, nominacións, e críticas inmellorables (non sendo pola banda de Mondoñedo, pero vaia, que lle imos facer: Adriano non dá feito ao gusto de todos…).

E se todo isto é posible é grazas, coma sempre, a vós. Á marea de lectoras e lectores que día tras día, onda tras onda, milleiro tras milleiro, seguides a facer que esta milagre siga sendo posible. Gustaríame deixarvos aquí escrito o meu agradecemento. Grazas por seguir estando aí, por seguir falando comigo, por seguir reclamando máis e máis texto, por axudarme a recordar que había moito máis, que era posible, por non cansarvos á hora de seguir animando ao traballo. Pola miña banda, sabede que eu me comprometo a non deixar de lle dar nin á cabeza nin ao tinteiro, a seguir imaxinando historias que, coma sempre, busquen entretervos e que, coma sempre, sirvan para que entre todos sigamos lembrando algo da nosa memoria. E si, confírmovos que para o ano que vén haberá novo libro. Imos deixar que Aquiles, Sofía e Adriano fagan aínda un pouco máis de camiño, pero garántovos que ao longo do 2015 teredes novas editoriais. Ide facéndolle, se vos prace, un oco neses corazóns xenerosos que tedes para Dante Odeón… que boa falta lle vai facer!

Amais, cóntovos que estamos a traballar en dous novos proxectos: un, grande e apaixonante que, por prudencia, aínda non me atrevo a contar, pero que xa vos aseguro que a min me fai toda a ilusión do mundo e que… bueno, que o ides flipar! E o outro… Alguén dixo “Mariña e Simón”? We can work it out!

Si, vai ser o 2015 un ano ben cargado de novidades… Así pois, mentres non chega, quixer desexarvos a todos o máis feliz e ventureiro ano novo. Como dirá Dante, Oes, Quino, sabes que che digo? Que todo isto que chove xa podía ser champán. De tanto como levamos apandado ben o temos merecido… Basta xa de tanta miseria, de tanta podredume ao noso redor. Tócanos respirar. Que o ano novo veña, pois, cargado de ar limpo, de respiro e de alegrías. Merecémolo. E se podemos adornalo con letras, mellor. E se, ademais, podemos facelo traballando xuntos, mellor que mellor. Somos moitos os que seguimos loitando coa ilusión de construír un país forte, moderno, novo… normal. Oxalá para o ano que vén nos collamos das mans e deixemos de traballar separados, illados, como se non houber ninguén máis ao noso redor. Moito mellor nos irá a todos… Polo pronto, moitas grazas a tod@s @s que cargastes este 2014 de sorrisos e alegrías. E por suposto, feliz 2015, claro…

20141223_095754