Señor alcalde: eu non reclamei nada, moito menos barco ningún.

1222697

Di o alcalde que o barco de Alfageme acabará instalado na rotonda de Coia “porque la ciudad entera lo reclama”. Así, cun par. Pois moi ben, alcalde, olé vostede e a súa oratoria. Pero, agora que o penso, xuraría que eu non reclamei nada… E iso que tamén son vigués desde o día en que nacín, que en Vigo pago os meus impostos, e que lle teño tanto amor á miña cidade que mesmo lle dediquei unha novela. Non, non creo que ninguén vaia dubidar do meu compromiso como cidadán se digo que, así e todo, eu non reclamei nada. Moito menos ningún barco en ningunha rotonda… Non, nin eu reclamei nada nin, se lle son sincero, teño constancia de ningún movemento cidadán que tal cousa pedise.

Vexo que tamén dixo vostede que o barco é aí onde ten que estar, por respecto ás nosas tradicións e orixes, e que “dentro de poco habrá un barco precioso en la ciudad, un barco magnífico para ver cómo es Vigo, una ciudad de barcos”. Home, señor alcalde, non sei como o verá vostede, pero para min que onde teñen que estar os barcos é no mar, que para iso foron feitos… Ou, no seu defecto, nun museo adicado ao mar. Un museo como o que, aínda que moitas veces pareza que nin nós mesmos saibamos que está aí, xa temos nesta cidade. Agora, onde si que non creo que teñan que estar os nosos barcos, por moi históricos que sexan, é nas nosas rúas. Non sei como o verá vostede, pero a min cústame moito imaxinar un atuneiro baixando pola Gran Vía, un arrastreiro buscando sitio para aparcar na Porta do Sol, ou un cargueiro convertido no 11 de Vitrasa. Señor alcalde, non é necesario que nos trate coma se fósemos parvos: agradecemos o seu interese pedagóxico, pero de sobra sabemos como é un barco, non é necesario que nolo recorde vostede chantándonos un en plena rotonda de Coia.

E moito menos se tal operación vai ter un custe de 300.000 euros, de 600.000 euros, ou de canto sexa. Porque a ese respecto tampouco se mostra vostede transparente, señor alcalde: di vostede que todo ese baile de cifras é falaz e mentireiro, e que o custe real será de “la mitad de la mitad de la mitad de lo que dicen los mentirosos” pero, iso si, sen concretar número ningún. Pois moi ben, señor alcalde. Pero tendo en conta que o seu barquiño non vai aparecer en Coia por arte de maxia, sexan esas cantidades as metades de seiscentos mil, de trescentos mil ou de cento cincuenta mil euros, o que está máis que claro é que algo custará, e que ese algo non vai ser precisamente pouco diñeiro, polo que seguimos a falar dunhas cantidades que resultan terriblemente indecentes á luz do tempo que vivimos. Porque por se xa o esqueceu vostede, señor alcalde, estamos nun tempo de crise brutal. Crise que, esa si, afecta practicamente a “la ciudad entera”. Porque a nosa non é unha cidade burguesa, señor alcalde. Non somos Xenebra, nós non vivimos do negocio bancario. Nin somos París, nin o noso é a alta costura. E tampouco somos Abu Dabi, que aquí as nosas leiras dan patacas, non petróleo. A nosa é unha cidade proletaria, que onte foi mar e hoxe é automoción. Somos mans manchadas e feridas, polas redes que a nosa xente subiu do mar e máis pola graxa motores que os nosos compañeiros montan en Balaídos. Ese si é a nosa orixe e a nosa tradición, señor alcalde, e hoxe o noso presente é crise, que quen máis quen menos todos temos alguén nas nosas casas afectado por esa crise.

E, se a nosa non é unha vila burguesa, o barrio de Coia tampouco é que sexa precisamente “a milla de ouro” da cidade. Coia é, como tantos outros, un dos barrios vigueses onde a crise séntese día tras día. Estou seguro de que xa o fixo vostede, señor alcalde, pero, por se acaso, convídoo a repetir o meu paseo polo barrio, a ver cantos negocios atopa pechados, tendas en traspaso, locais en aluguer… Non, as cousas non van ben, e o último que os veciños de Coia precisan hoxe é ver como o seu alcalde despilfarra nin medio euro en aparcar un barco nunha rotonda con tanta e tanta axuda como se necesita noutros aspectos máis apremiantes. Unha pouca de sensibilidade, por favor…

É verdade que eu son, como di vostede, un deses que falan sen ser veciño de Coia, señor alcalde. Pero tampouco é menos certo que eu non son da CIGA, como tamén vostede di. Nin do Bloque, nin do PP, nin do PSOE. Eu son un veciño seu, da cidade, e como tal xa nin sequera “reclamo”, senón simplemente prégolle que reconsidere a súa postura. Agora o que toca aparcar non son barcos, senón orgullos, señor alcalde, que o que os tempos piden é outro tipo de compromisos. Como broma xa nos bastou todo o episodio da cruz do Castro. Deixe vostede o barco na ría, ou léveo para o Museo do Mar, e invista os cartos que tiña pensado meter en tal disparate en obra social, señor alcalde. Done os cartos ao Banco de Alimentos, amplíe o gasto do Comedor Social, invista nas persoas, na xente que máis o precisa. Porque aínda que esa metade da metade da metade nada máis sexa un euro, señor alcalde, neste momento un euro no peto dun cidadán necesitado vale máis que unha flota enteira chantada nunha rotonda calquera.

10 reflexións sobre “Señor alcalde: eu non reclamei nada, moito menos barco ningún.

    • Bueno, pois xa somos dous, Esther. Será que os outros 299.998 vigueses dixeron que si? Mmm… Non sei eu…

  1. Eu en Vigho mesmo non, a min naséronme en Mantelas-Freixeiro, e se os de Coia non queren o barco ighal nos cabía aquí mesmo no Laghares ao seu paso polas Espadeiras. O sitio bonito bonito non é, pero ten unha vexetasión… que país señor…

  2. En principio ya somos tres. Y recordarle que la rotonda con motivos vegetales era la apropiada para el lugar. Y también recordarle que también soy de Vigo, de nacimiento, y como como otros que presumen de viguismo sin ser oriundos.
    Los despilfarros con el dinero de todos es un delito todavía no tipificado en el Código Penal, pero pronto lo serán. Si sobran dineros, que es lo que parece, ya que el ornamento no sirve en este momento para nada, solo para poner placas como hacia su antecesor Portanet, dedíquelo a actividades culturales y sociales, sino dejará pronto de estar el la poltrona ya que no tendrá nuestros votos.

    • Honestamente, Miguel, yo no creo que esto sea una cuestión de ser vigués “de nacimiento” o “de adopción”… Tal como yo lo veo, creo que la cosa va más con el sentido común, vamos, con tener o tener sentidiño! Y, ya puestos, un poco de sensibilidad tampouco estaría de más… Un saludo!

  3. O tema é que todo esto empezou mal. Este barco levaba abandonado en Bouzas durante anos, medio afundido. Quixeron salvalo coa tradición e o romanticismo coma excusa. E agora atópanse cun problema de carallo!! Pólo en Coia provoca o rexeitamento dos veciños do barrio e de toda a cidade, pero…canto vai costar anualmente ese barco ás arcas do concello se finalmente o ceden ó museo do mar??Unha pasta tamén, e non só un ano, tamén o seguinte, e o seguinte e así ata o infinito.
    Gastos innecesarios???Moitos:o novo estadio de fútbol, por exemplo.
    PD: Esta idea de encher rotondas con aparellos non é nova, só hai que dar un paseo por Peinador para observar unha avioneta(que trouxeron de Málaga e tamén costara unha pasta no seu día, creo recordar)no medio das famosas rotondas.

    • Tes toda a razón. De feito, eu cada vez que paso pola rotonda de Peinador non podo evitar pensar en “Aterriza como poidas”. Pero, de todos modos, estou seguro de que a opción do Museo do Mar tampouco sería tan cara: ninguén dixo que o barco tivese que estar no mar… Un saúdo!

  4. Pois por ir descontando. Eu, tamén vigués, tampouco pedín barco ningún na rotonda. O digo para que o alcalde vaia actualizando polo censo o “clamor” que, según él, apoia a idea. Vaia, clamor que non apoian a maioría da corporación municipal (16 concelleiros frente a 11) nin as asociacións veciñais de Coia (Camiño vello e Cristo da Victoria) nin a federación veciñal de Vigo, nin os grupos ecoloxistas, nin a rede social, nin a oficiña de dereitos sociais de Coia, nin os grupos ecoloxistas (Amigos da Terra e Verdegaia) nin o resto de partidos políticos exta-concello. Vaia, que máis ben o “clamor” parece en contra da idea… pero si o alcalde dice o contrario… señor, sí, señor!!!
    Noraboa polo artigo.

Os comentarios están pechados.