Ese é o nivel

olga-maria

Estaba estes días coa idea de escribir algo sobre o Culturgal. Andaba pensando nas boas expectativas, o das case quince mil entradas vendidas e todo iso. Dáballe voltas a falar sobre as boas sensacións do momento e opoñelas á sensación de soidade do día seguinte. Sobre a falta de apoio por parte das institucións na actividade do noso día a día, cando xa non hai fotógrafos, sobre a dificultade inmensa de sacar adiante a nosa cultura nun país que non ten estado…

Estaba pensando en todo iso, si. Pero entón cruzouse na ruta das miñas casualidades outro comentario, un que di que, polo visto, existe certa posibilidade de que unha tal Olga María Henao sexa contratada como co-presentadora dun programa de entrevistas. Ou algo así. O de algo así dígoo porque a empresa que contrata é Tele Cinco (xa sabe vostede, señora: esa canle-amiga especializada no aparvamento masivo), polo que en realidade o programa en cuestión pode ser calquera cousa… De todos modos, por se aínda queda por aí alguén que non saiba quen é a muller á que estou a me referir, volvede botarlle un ollo á foto que encabeza este artigo, e logo deixádeme que vos conte:

Estamos falando dunha persoa que na columna do seu “haber” ten como única anotación salientable o feito de ser “amiga” (anda, mira, como Tele Cinco!) de Monago. Vamos, que Olga María é a única e verdadeira razón de que todos nós lle financiásemos ao presidente da Junta de Extremadura as súas constantes viaxes ás Canarias… Lembrades, cando o tipo este, honradísimo el, falaba de que tiña que asistir a non sei que historias de traballo ás illas? Pois si, este era o seu traballo: reunións horizontais coa señorita Henao.

Ben, pois agora que xa nos coñecemos todas, nada máis queda por definir cal é a verdadeira cuestión de fondo neste cruce de camiños: que facer? Ou, dito doutra maneira: cal é o nivel?

Estudar durante cinco anos a carreira de xornalismo, ou deitarme cinco minutos cun corrupto? Pagar -se é que podo- o pastizal que custa un máster, ou cobrar a renda do santo oficio de non facer nada? Contar méritos, ou vivir do conto? Ou, dito doutra maneira, para que merda preocuparme de ningún Culturgal nin de chorradas dese tipo? A quen carallo lle importa unha puta merda cultura ningunha se, á fin e ao cabo, ese é o nivel no estado ao que pertence o noso país…?

E aínda que todo isto é ben triste (tristísimo, en realidade), o certo é que non é o peor. Non, nin moito menos. Basta con darlle media volta máis á cuestión para chegar á seguinte conclusión, e comprobar que o peor é outra cousa. “O peor” é que mentres sigamos a empregar esta táboa de valores, mentres sigamos pensando que o maior mérito que unha muller pode aportar á hora de ser recompensada con tal ou cal cámara é terse deitado con este corrupto, con ese futbolista, ou con aquel toureiro, a cousa xamais irá a mellor. Porque aínda que nada máis sexa por seguir vendendo prime-time, por seguir botándolle carne á máquina, por facer que o espectáculo continúe, “o peor” é que mentres eses sigan a ser os nosos argumentos á hora de valorar os méritos dunha muller, tampouco será tan de estrañar que sigamos matándoas coma se nada máis fosen cans, tal como esta fin de semana volveu acontecer porque alguén considerou que as denuncias previas non eran merecedoras da atención necesaria…

Si, isto é “o peor”: mentres nós permitamos e aceptemos que esta sociedade sen escrúpulos siga repetíndonos constantemente que, á fin e ao cabo, o mellor que unha muller pode facer para prosperar nesta vida é deitarse cun merdán calquera, entón no fondo estaremos validando a mensaxe subterránea de que a vida desa mesma muller tampouco debe de ser tan valiosa… Non? Ese, ese é o nivel.

2 reflexións sobre “Ese é o nivel

  1. Totalmente de acordo contigo. Iste e o país de merda que temos. ¿Qué se pode facer, si nos gobernan os que nos gobernan?

    • Pois non sei, Carlos, pero supoño que, polo menos, pensalo un pouco mellor a próxima vez que nos sintamos con ganas de darlle a maioría absoluta ao primeiro que pase por diante da nosa porta…

Os comentarios están pechados.